O Sindicato Labrego vén de rexistrar un escrito dirixido á Axencia Tributaria (AEAT) no que lle pide “unha ampliación extraordinaria do prazo das declaracións e autoliquidacións correspondentes ao primeiro trimestre do exercicio 2020 para as actividades agrícolas e gandeiras” de maneira que se poidan presentar “conxuntamente coas declaracións e autoliquidacións do segundo trimestre do exercicio, sendo o remate do prazo o 20 de xullo”.
“Pensamos que é o único xeito de garantir un traballo rigoroso”, explica a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, “que sen ir en contra da eficacia recadadora da AEAT, resultaría beneficioso para un colectivo de contribuíntes, o das persoas que se adican á agricultura e á gandería que, nunha situación tan grave actual, están a traballar para garantir a produción de alimentos para o conxunto a cidadanía”.
“A declaración do estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 ten afectado dun xeito específico ás persoas que residen no medio rural de Galiza, nomeadamente ás que se dedican á agricultura e a gandería.
Moitos dos problemas veñen derivados das limitacións á mobilidade derivadas do estado de alarma, xa que se ve agravada no rural por ter que facer, quen vive nel, longos desprazamentos para acceder aos servizos básicos.
Esta situación vai provocar grandes dificultades á hora de cumprir os prazos establecidos para a presentación das declaracións e autoliquidacións correspondentes ao primeiro trimestre deste exercicio 2020, entre outros polos seguintes motivos, que se expuxeron no escrito dirixido á AEAT:
A práctica imposibilidade para moitas persoas que traballan e viven dos sectores agrícolas e gandeiros para realizar os diferentes trámites forma telemática a través da Sede Electrónica da Axencia Estatal da Administración Tributaria, ben sexa por carecer da formación suficiente para a realización dos mesmos, ou tamén, que adoita ser máis que habitual, por non dispor de conexión a Internet ou ser esta de mala calidade. Mesmo hai casos nos que non se dispón sequera dunha cobertura móbil axeitada. Esta situación é habitual en amplas zonas do rural galego.
Por esta razón, as persoas contribuíntes vanse ver obrigadas a realizar desprazamentos, expresamente desaconsellados na situación que vivimos, para achegar as facturas e o resto de documentación ás entidades xestoras, para que se poidan cumprimentar correctamente as diferentes declaracións e autoliquidacións. Estes desprazamentos incrementan o risco de contaxio da enfermidade, tanto para as persoas traballadoras das entidades xestoras como para as propias contribuíntes, risco que aínda se agrava pola necesidade de manipular documentación en papel.
Tamén é preciso ter en conta que, en moitos casos, estas persoas conviven con xente maior, que é un sector de poboación especialmente sensíbel ante o risco de contaxio.
Igualmente, hai que valorar que nas autoliquidacións a ingresar e que non sexa posible a domiciliación, vai haber dificultades á hora de acceder aos servizos das entidades bancarias, ben sexa para a presentación da autoliquidación presencialmente, ou para a solicitude do código NRC para a súa validación telemática.
Dende o Sindicato Labrego Galego, pensamos que é necesario tomar en consideración que o volume de recadación da AEAT polas autoliquidacións trimestrais dos impostos de IVE, IRPF e Sociedades nos sectores agrícolas e gandeiros non xustifica a asunción do incremento do risco que provocaría a tramitación das mesmas nas condicións excepcionais que vivimos. Por iso, agardamos que a AEAT acceda a ampliar o prazo ao 20 de xullo, coincidindo co remate do segundo trimestre.