O SLG reclama políticas activas para enfrontar un “declive” do sector da castaña

A produción de castaña este ano en Galicia podería caer unha media de ao redor dun 50% con respecto á do ano pasado. Así o asegurou hoxe o Sindicato Labrego Galego loco de consultar ao sector. Trátase dunha mingua notable, en comparación coa campaña anterior, a de 2019, “que xa foi mala de por si”.

“Nada sorprendente vendo a pachorra coa que a Consellería de Medio Rural segue a afrontar a maior crise que están a vivir os nosos soutos en décadas -a da avespa do castiñeiro-, a pesares de que levamos denunciando esta pasividade no SLG dende 2017, e mentres a produción de castaña segue a caer en picado ano tras ano”, denuncia o sindicato.

Á incidencia crecente dos ataques da Dryocosmus kuriphilus, este ano houbo que sumar unha seca xeralizada e inclemencias meteorolóxicas -especialmente sarabia- que arrasaron colleitas enteiras, ademais dunha “alta incidencia”, din, do cancro do castiñeiro.

A todo esto, e segundo indica o SLG, o impacto da Covid-19 tamén se fixo notar no sector da castaña, que ten na hostalería, asadores e repostaría unha canle importante de comercialización. Así, as empresas e cooperativas do sector están tendo serias dificultades para colocar o seu produto no mercado a pesares de minguar a produción. Isto estase a traducir nunha caída de prezos e na ruptura dun “importante elo” na cadea comercial: “as cooperativas e empresas que habitualmente mercan castaña a particulares, deixaron de facelo ou diminuíron considerablemente as súas adquisicións, co que moitas economías familiares no rural vanse ver resentidas ao verse privadas destes ingresos”.

Para o Sindicato Labrego Galego, a raíz da crise na que se está a afundir o sector da castaña é o abandono, por parte das institucións responsables, dun “patrimonio de valor incalculable que forma parte da nosa cultura como pobo” e que, no eido económico, xera riqueza no rural cuns ingresos anuais ao redor dos 200 millóns de euros nun ano de colleita normal. 

“Este abandono da Xunta de Galicia exprésase en realidades como a inexistencia de liñas de axuda para paliar os danos polas inclemencias meteorolóxicas no sector da castaña. Tampouco debemos esquecer que a castaña complementa as economías familiares, polo que non estamos a falar só de comercializadoras e empresas transformadoras como principais afectadas”, denuncia o SLG.

Por todo isto, o Sindicato Labrego Galego insta á Consellería de Medio Rural a que, diante da actual situación de excepcionalidade na que se atopan os produtores, transformadores e comercializadores de castaña en Galicia, convoque unha liña de axudas para paliar as enormes perdas sufridas na última campaña. Ademais, tamén urxen a Medio Rural a adoptar un compromiso co sector da castaña para reforzalo, de cara a evitar que volvan anos de perdas como o actual, con políticas activas e dotadas de recursos que garantan un estado sanitario óptimo dos soutos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com