O Sindicato Labrego Galego ven de emitir un comunicado no que “apoia a concentración convocada por Lugo de cara ao Miño para o 20 de xaneiro diante dos Xulgados de Lugo; ao tempo que se solidariza coas tres persoas Lola, Lois e Miguel denunciadas pola empresa INCA, adxudicataria da explotación hidroeléctrica da Fábrica da Luz, por un suposto delito leve de coacción”.
Para o Sindicato Labrego Galego, o caso de Lola, Lois e Miguel, así como o de “Cara o Miño” ou da asociación ecoloxista Adega “todos e todas denunciados por oporse ás ilegalidades de INCA, está a ser tristemente recorrente nestes tempos nos que persoas e colectivos que loitan en defensa do ben común acaban sendo perseguidas por empresas sen escrúpulos, pero con cartos suficientes para investir en avogados, co obxectivo de amedrentar a calquera que se opoña aos seus plans, mesmo se estes son ilegais, como o caso que nos ocupa”.
“Desta vez foron Lola, Lois e Miguel, e antes fórono Lugo de cara ao Miño e Adega, pero podería ter sido calquera organización ou persoa que tivese o valor de denunciar a usurpación ilegal dos bens comúns por empresas privadas como INCA. Por iso, o Sindicato Labrego Galego estará o este venres, 20 de xaneiro, diante dos Xulgados de Lugo para apoiar a Lola, Lois e Miguel nunha causa xudicial que, necesariamente, debería arquivarse”, remata o comunicado.