O Supremo ratifica a nulidade do ERE en Alcoa San Cibrao

A Sala do Social do Tribunal Supremo vén de desestimar o recurso de casación presentado por Alcoa no que alegaba contra a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de decretaba nulo o ERE que a multinacional do aluminio pretendía aplicar na fábrica de San Cibrao e que afectaría a máis de 500 traballadores da compañía.

Así, a sala do Supremo dáballe a razón ao TSXG e ratificaba a nulidade dos despedimentos nunha reunión dos maxistrados que tiña lugar o pasado mércores, 28 de outubro, para deliberar sobre o recurso que interpoñía o Grupo Alcoa Inespal contra a anulación deste Expediente de Regulación de Emprego.

Segundo o máximo tribunal, a sentenza do TSXG, recorrida pola compañía, non vulnerou o dereito á propiedade privada nin a liberdade de empresa, recoñecidos na Constitución. Así o alegaba a empresa que entendía que o tribunal galego obrigaba ao Grupo Alcoa Inespal a vender. O TS é claro, “non cabe entender” esa obriga na sentenza.

En efecto, como afirma a sentenza recorrida, “non se trata de que privemos á empresa demandada de vender ou non vender de maneira libre, senón de que, simplemente, a súa actuación nesa negociación con (unha) terceira empresa permite sospeitar a existencia dunha predeterminada decisión estratéxica que é a mesma sospeita que se nos aparece cando examinamos a negociación no plano laboral”.

Doutra banda, o Supremo di que lle chama a atención á sentenza recorrida as valoracións que o Grupo Alcoa Inespal formula no sentido de que o potencial comprador calcula mal “os custos da enerxía”, ou que non coñece en profundidade o proceso de rearranque, entendendo a Sala galega que iso será, no seu caso, “un obstáculo para a empresa compradora, pero non tanto para a empresa vendedora” e que, en todo caso, o poñer como condición sine qua non o apagado das cubas era un «claro obstáculo» para poder alcanzar un acordo final.

Para apreciar “mala fe negocial”, a sentenza recorrida cualifica de aspecto “sumamente significativo” o número de traballadores afectados polo despedimento colectivo. Unha cifra que, segundo a sentenza do TSXG, “aproxímase, sen superalo, a aquel que, segundo as normas regulatorias aplicables, permítenlle á empresa consolidar as axudas
recibidas das Administracións Públicas, sen ter que devolvelas, e á vez sen impedirlle o peche das cubas, mantendo un número de traballadores en persoal que mesmo poderían ser obxecto de despedimentos unha vez superados os prazos de garantía do bo fin das axudas recibidas pola empresa”.

O recurso de casación resentado pola multinacional viña acompañado de ata 20 motivos de casación polos que, en visión da empresa, o TSXG non actuaba correctamente ao decretar a nulidade do ERE. Alcoa, entre outras cousas, acreditaba que como non procedera a implementar o despedimento colectivo, os traballadores seguían de alta na Seguridade Social e, polo tando recibían os seus salarios.

Esta, precisamente, era unha das peticións de sindicatos na súa denuncia ante o tribunal galego. E é que na demanda pedian a reincorporación dos traballadores e o abono dos salarios deixados de percibir entre a data do despedimento e a da readminsión na empresa. Un punto estimado polo alto tribunal galego.

Con todo, o TSXG sustentaba a súa nilidade na existencia de “mala fe negocial” por parte da empresa e ordenaba a Alcoa que se abstivera de calquera actuación dirixida a parar as cubas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com