O torneado da madeira regresará a Xermade co XXI Encontro Internacional de Torneiros

A localidade de Xermade converterase de novo este ano no centro da tornería europea grazas á celebración presencial do XXI Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que terá lugar entre os días 17 e 19 de setembro. Como xa é habitual, a Xunta colabora a través da Fundación Artesanía de Galicia neste evento de divulgación do oficio tradicional da tornería, que está organizado polo Concello de Xermade. Así se explicou esta mañá nunha rolda de prensa na que participou a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro.

Despois dunha edición exclusivamente en liña no 2020, nesta edición vólvese ao formato presencial no que se inclúen demostracións de profesionais de recoñecido prestixio internacional coma o francés Romuald Clemenceau, o oscense Fran Ferrer e os galegos Adrián Pena, do obradoiro Xar Arte en Madera (Vigo), e Manuel “Lolo” Castro, Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2018.

Durante tres días, Xermade volverase converter no centro do torneado artesanal da madeira, onde cada ano acoden profesionais non só de toda Galicia senón tamén do resto de España e de Europa, e recupérase un espazo de intercambio e aprendizaxe para profesionais e afeccionados.

Tamén a Deputación participa neste evento do que o Presidente do Executivo Provincial, José Tomé, destacou a súa importancia. “Colaboramos dende a Deputación de Lugo pola proxección nacional e internacional que supón para Xermade e para toda a provincia de Lugo, e porque pon en valor unha materia prima como a madeira, na que a nosa provincia é unha potencia”.

“Despois de dúas décadas, este Encontro de Torneiros converteu ó concello de Xermade nun referente internacional desta modalidade de traballo da madeira. Por aquí teñen pasado especialistas, homes e mulleres, de Galicia e de toda España, pero tamén de todo o mundo” para mostrar “traballos que oscilan entre as pezas tradicionais da artesanía e as obras de deseño vangardista, unha variedade que supón un dos grandes acertos desta cita”, asegurou o mandatario provincial.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com