O tráfico da Nacional VI quedará restablecido mañá, mércores, no seu traxecto habitual, suprimíndose, deste xeito, o desvío provisional habilitado na marxe esquerda da estrada, en sentido A Coruña, con motivo das obras de renovación do paso soterrado,
O desvío, que se activou en febreiro, desenvolveuse sen problemas a pesar de que é unha estrada cun volume de tráfico elevado, de máis de 25.000 vehículos diarios. O mesmo foi necesario para executar as obras de ampliación e mellora do paso soterrado, así como a humanización da súa contorna, co fin de mellorar as conexións a pé e en bicicleta desde a trama urbana ao Miño, unha das apostas do Concello a través da estratexia DUSI Muramiñae.
Tamén se reporán o resto de servizos na N-VI e o valado, que se levará a cabo coa mesma tipoloxía de peche que o existente, consistente en malla de simple torsión sobre pés dereitos separados 4 metros entre si. A continuación, acometerase a renovación da senda peonil para facela máis cómoda e accesible para os usuarios.