Eolicos

O Tribunal Superior confirma a nulidade do parque eólico do Iribio

Co fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que confirma a nulidade do parque, xa non hai máis vías posibles para retomar o proxecto do parque eólico de Iribio que se pretendía construír nos concellos de Samos e Triacastela.

A través do Auto de 23 de marzo de 2023, o TSXG resolveu non admitir o último recurso formulado pola promotora FERGO Galicia Vento SL, resolvendo unha vía xudicial iniciada hai máis de tres anos por tres colectivos conservacionistas e ecoloxistas, a  Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza  (ADEGA), a Sociedade Galega de Ornitoloxía  (SGO), e a Fundación Ouso Pardo (FOP). Tras a inicial sentenza do 11 de decembro de 2020 que lles daba a razón aos demandantes e declaraba a nulidade da autorización do parque eólico ao considerar entre outros, caducada a DIA (Declaración de Impacto Ambiental), a mercantil promotora do proxecto expuña dous recursos de casación, o primeiro ante o Tribunal Supremo, que non o admitiu o pasado mes de setembro e o segundo agora ante o propio TSX de Galicia, que o tampouco o admite, o que confirma a imposibilidade de executar este proxecto nuns terreos nos que a propia Xunta de Galicia establecera a prohibición de executar parques eólicos por estar incluídos na Rede Natura 2000.

Un espazo con moitos valores a conservar

A Serra do Iribio sitúase entre os municipios de Triacastela e Samos na provincia de Lugo, constituíndo a estribación máis setentrional do espazo natural do Courel.  Está catalogada como Zona Especial de Conservación (ZEC Ancares-Courel) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN), dentro da Rede Natura 2000 de Galicia, e agora tamén Reserva da Biosfera, e ten unha riqueza natural moi destacable, ademais de importantes valores etnográficos e culturais. É unha zona de presenza recente de oso pardo, dentro do proceso de expansión natural da especie cara ao occidente da súa área de distribución. De feito, entre 2017 e 2020 nesta zona desenvolveuse o proxecto Life Oso Courel co obxectivo de favorecer o asentamento permanente do oso pardo na Serra do Courel, e a convivencia entre os osos e as actividades humanas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com