O concelleiro de Deportes do Concello de Ribadeo, David Rivas, e o presidente do Ribadeo FC, Víctor López, presentaron a sesenta e catro edición do trofeo Emma Cuervo, que disputarán o Deportivo da Coruña e o Club Deportivo Lugo o vindeiro 25 de xullo.No acto estiveron acompañados polo alcalde, Fernando Suárez, e polo técnico de Deportes, Iván López.
O presidente do Ribadeo FC, Víctor López, explicou que “este partido celebrarase no noso estadio, o Pepe Barrera, o 25 de xullo ás 19:30 horas e este ano vai ser entre dous equipos galegos: o Club Deportivo Lugo e o Real Club Deportivo da Coruña. Coincide ben neste senso porque ademais é o Día de Galicia e supón unha anécdota máis que se enfronten dous equipos galegos nesta edición nesa xornada festiva”.
López lembrou que “hai anos, desde o 2009, que non se enfrontaban dous equipos galegos no Emma Cuervo; naquel caso foran o Ferrol e o Lugo e tamén temos que recordar que no ano 1987 tamén se enfrontaran o Lugo e o Deportivo da Coruña”.
O presidente do club organizador fixo algunha puntualización: “Quero aclarar, porque moita xente mo di, que se rompeu a tradición de traer un equipo asturiano e un galego, pero ás veces non se pode facer o que un quere, neste caso polos problemas e as datas nas que están dispoñibles os equipos, porque un pode vir nunha data pero outro non. Entón este ano xurdiu así e será con dous equipos galegos porque o Deportivo non cambiaba a data do 25 de xullo, o Oviedo podía vir o 2 de agosto, pero o Lugo non; e o Spórting de Gijón só podía o mércores, 5 de agosto. Entón no había forma de xuntar un equipo asturiano cun galego”.
Víctor López considera que “tamén coincide ben porque vai haber unha reunión de peñas ese mesmo día pola mañá. E aproveito para agradecer á Peña Deportivista Ribadeo a organización dese evento, en especial ao seu presidente, José Luis Barrera, porque ese ambiente que vai haber pola mañá o 25 de xullo vainos axudar moito pola presenza de peñas do Deportivo nesa xuntanza. E tamén virán peñas do Lugo”.
O concelleiro de Deportes, David Rivas, amosouse convencido de que “vai ser un grande éxito esta edición do Emma Cuervo polo luxo que supón ver xogar no Pepe Barrera ao Deportivo da Coruña, que é un equipo referente tanto da liga profesional de fútbol española como a nivel europeo; é un equipo que ten demostrado que pode estar á altura de calquera dos grandes clubs. E, por outro lado, o Club Deportivo Lugo, que está facendo un xogo moi atractivo e dinámico e está consolidándose na Segunda División”.
“Ademais o CD Lugo conta co aliciente de ter un xogador ribadense, como é o dianteiro Daniel Pedrosa, que esperamos poder velo xogar aquí. E sabemos que acaba de contratar esta última semana a outro rapaz ribadense para os xuvenís, que é Adrián García. Estamos convencidos de que vai ser un espectáculo á altura das expectativas e pensamos que os clubs e as afeccións, tanto no campo como fóra del, van dar un exemplo de deportividade e civismo, que ao final é do que se trata”, concluíu.