O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a prorrogar en toda a comunidade, ata o próximo 26 de febreiro, a esixencia de presentar o certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para desenvolver unha serie de actividades. Os maxistrados consideran que é necesario ampliar a vixencia da medida debido á situación epidemiolóxica da comunidade e á existencia de risco de transmisión do virus.
Por tanto, o documento seguirá sendo requirido para entrar nos locais de hostalería e de lecer nocturno, así como para acceder ás residencias de maiores e de persoas con diversidade funcional, a instalacións pechadas nas que se practique actividade física e deportiva non federada, a piscinas cubertas, a albergues turísticos e a eventos multitudinarios ou a aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos ou bebidas para o consumo no seu interior. O certificado tamén continuará esixíndose ás visitas dos pacientes ingresados en hospitais.
O TSXG conclúe no auto, contra o que cabe presentar recurso, que se mantén o xuízo de “idoneidade, necesidade e proporcionalidade” da medida, pois os valores que mostra o estudo técnico achegado pola Consellería de Sanidade “seguen sendo elevados, o que indica que o virus continúa tendo unha elevada circulación”
O pasaporte COVID-19, segundo salientan os maxistrados, fai que sexa compatible o desenvolvemento de certas actividades “coa contención da expansión do virus”. Ademais, destacan que a medida trata de protexer “a persoas que presentan unha especial vulnerabilidade”, como as residentes en centros sociosanitarios de maiores ou as hospitalizadas.
A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG, de acordo coa información presentada pola Xunta, advirte que a taxa de incidencia do virus experimentou, desde o 10 de outubro 2021, “un forte incremento”. Así, destaca que, a pesar da actual tendencia decrecente, “non se achega á taxa de incidencia que había antes do 10 de outubro de 2021, é dicir, ao comezo da sexta onda”. Así, sinala que o 29 de outubro a taxa acumulada a 14 días era de 18,17 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que o pasado 5 de febreiro se situou en 2.653. A taxa de hospitalización en unidades de agudos tamén aumentou no últimos sete días, ao pasar de 14,43 ingresos por 100.000 habitantes a 16,91. E, respecto ás UCI, a taxa de hospitalización subiu, pois o 5 de febreiro se situou en 1,22 por cada por 100.000 habitantes, fronte aos 0,78 que se rexistraron o 29 de xaneiro.
Os maxistrados explican no auto que o Tribunal Supremo, nunha sentenza do pasado 14 de setembro, apartándose do criterio sostido pola Sala de Vacacións do TSXG, resolveu “a polémica que suscitou a esixencia do certificado COVID-19” ao decretar que “concorre unha xustificación obxectiva e razoable para permitir ou non o acceso ao correspondente establecemento, segundo cumprira tal esixencia, pois se trata da protección da saúde e a vida das persoas, mediante unha medida que evita ou restrinxe a propagación da pandemia”. O alto tribunal galego subliña que, baixo esta perspectiva, o Supremo considera que a exhibición da documentación para acceder a determinados establecementos onde se produce unha gran afluencia de persoas resulta “adecuada e acorde coas esixencias derivadas de protección da saúde”.