O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a prorrogar en toda a comunidade, ata o próximo 26 de marzo, a obriga de presentar o certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para visitar aos doentes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional.
Os maxistrados consideran que a “existencia relevante do risco dentro do territorio de Galicia” xustifica “xenericamente a adopción de medidas que se poidan reputar idóneas para conter a transmisión do virus”. O TSXG tamén incide en que as medidas propostas son adecuadas para as contornas que establece a orde da Xunta porque nelas se concentran “persoas especialmente vulnerables”. No auto, ademais, destaca que as medidas son a forma “menos lesiva” de compatibilizar “a salvagarda da vida e a saúde co exercicio doutros dereitos como o de reunión ou acceso a determinados espazos pechados e o dereito á intimidade persoal e á vida familiar, propios da visita a seres queridos internados neses centros”.
Os xuíces tamén indican que calquera das alternativas ao certificado de vacinación está “facilmente dispoñible para o cidadán/a, de maneira que o sacrificio de acudir a calquera delas para a realización das actividades condicionadas parece razoable”. Os maxistrados aseguran que as medidas propostas pola Xunta implican “a restrición en grao mínimo de dereitos fundamentais, un sacrificio tenue do dereito, en expresión da sentenza do Tribunal Supremo nº 1112/2021, con relación á forte salvagarda que se pretende do dereito á vida e á saúde”.
A Sala advirte no auto de que, aínda que a situación epidemiolóxica de Galicia determina “un risco de transmisión do virus decrecente”, segundo o informe presentado pola Consellería de Sanidade, os valores continúan sendo elevados. “Ademais do dano intrínseco que causa á poboación afectada, segue ocupando significativos recursos do sistema público de saúde de Galicia”, salientan os maxistrados.
Mar 11, 2022 - 08:00 PM
Gallegos disfruten lo votado, jajajajajajajajajajaja los últimos en todo “COMO SIEMPRE”.