O TSXG confirma a condena de 13 anos de cárcere imposta aos pais que maltrataron o seu bebé en Lugo

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena a trece anos de cárcere imposta pola Audiencia Provincial de Lugo aos pais que maltrataron o seu bebé, causándolle “gravísimas” secuelas. O tribunal, xa que logo, rexeitou os recursos presentados polos procesados e corroborou que son autores dun delito de lesións e doutro de malos tratos habituais no ámbito familiar, polo que tamén se lles impuxo a inhabilitación para o exercicio da patria potestade, tutela, curatela, garda ou acollemento durante 15 anos, así como a prohibición de achegarse a menos de 500 metros do menor e de relacionarse con el por calquera medio durante doce anos. Ademais, deberán aboarlle á vítima, a través da persoa ou entidade que teña asumida a súa tutela, 62.408 euros polo tempo de curación das súas lesións e 900.000 euros polas secuelas sufridas.

O TSXG entende probado, do mesmo xeito que os xuíces de primeira instancia, que os acusados, desde que o menor tiña un mes e ata que case tiña tres meses, o agrediron “en reiteradas ocasións, propinándolle golpes e zarandeándoo cando se poñía a chorar”. Como consecuencia das agresións, o 16 de agosto de 2019 tivo que ser ingresado na UCI pediátrica do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo e, dada a súa gravidade, foi derivado ao hospital La Paz de Madrid. A Audiencia explicou na sentenza, agora confirmada pola Sala do Civil e Penal do TSXG, que resulta imposible determinar o estado clínico definitivo do menor, posto que pola súa curta idade non se produciu o total desenvolvemento da súa motricidade e capacidades cognitivas, pero subliñou que “si pode asegurarse que mostrará unha perda total da visión do ollo esquerdo e alteración das funcións cerebrais superiores integradas, trastorno da linguaxe e epilepsia”. Ademais, indicou que, “case con total seguridade, requirirá coidados de terceiras persoas en maior ou menor medida durante o resto da súa vida”.

Os xuíces de primeira instancia consideraron probada a existencia dunha conduta dolosa, non imprudente, pois subliñaron que os condenados “non soamente tiveron na súa mente a previsión do resultado, senón que tamén o aceptaron como probable, continuando coa súa acción”. Os recorrentes sinalan, segundo o TSXG, que non quedou probada esa conduta, polo que se vulnerou a súa presunción de inocencia. “A argumentación da recorrente, a pesar do meritorio esforzo dialéctico, non deixa de ser unha apreciación discrepante desde o correcto exercicio do dereito de defensa, que non pode prevalecer fronte ao imparcial criterio da sala, conformado tras as evidencias dos feitos acaecidos no domicilio dos acusados, fronte ao que pouco pode desvalorizar que levasen o neno ás visitas médicas ou que tras a rixidez que presentaba o último día dos feitos o levasen a urxencias”, subliñan os maxistrados do alto tribunal galego na resolución, na que destacan que durante o xuízo “os propios acusados recoñecen que, en momentos puntuais, cando o neno choraba, o zarandeaban para que parase de chorar”. Segundo a súa versión, descoñecían o perigo que iso podería comportar, pero tal alegación, segundo o tribunal, “choca co ditame dos forenses, no sentido de que non teñen ningún tipo de patoloxía que perturbe a súa percepción da realidade, nin as súas posibilidades de coñecemento”, polo que conclúen que comparten coa sentenza da Audiencia que “resulta evidente que eran conscientes de que os golpes ou movementos bruscos e agresivos da cabeza podían dar lugar ás lesións de carácter neurolóxico ou de afectación aos membros orgánicos existentes no cranio no seu conxunto”.

“Temos de concluír que os acusados coñecían os riscos potenciais da súa actuación e que, a pesar diso, desenvolveron a conduta lesiva co seu fillo”, recalcan, á vez que inciden en que o feito de que agrediron o menor en reiteradas ocasións non está exento de proba, “pois a testemuñal e periciais, xunto ao propio recoñecemento dos acusados, sequera estes degraden a gravidade das súas accións, poñen de manifesto que cada vez que o neno choraba, e non lograban calmalo, optaban pola devandita forma agresiva de aplacación”. Ademais, a Sala do Civil e Penal considera “razoable” a argumentación da Audiencia sobre a pena imposta. Os maxistrados consideraron os sospeitosos autores dun delito de lesións do artigo 149 do Código penal e concretaron a pena en dez anos de prisión, “dada a gravidade da conduta despregada e do resultado gravísimo padecido pola vítima, ademais da concorrencia da agravante de parentesco”. En canto ao delito de maltrato no ámbito familiar, o tribunal explicou que optou “pola concreción máxima da pena -tres anos de cárcere-, á vista da reiteración nas condutas agresivas, en contraposición co labor tuitivo que, por esencia, han de desenvolver os pais respecto dos seus fillos”.

O TSXG incide en que a descrición sobre os feitos realizada polos xuíces de primeira instancia “pon en evidencia o clima ou estado habitual de violencia que padeceu a vítima, nunha posición de total indefensión respecto a quen era teórico garante do seu benestar e seguridade”. Contra a resolución cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Os condenados, segundo a sentenza confirmada polo TSXG, tampouco “atenderon debidamente as necesidades do menor, non o mantiveron nas condicións hixiénicas e sanitarias saudables nin cumpriron con algunhas das revisións pediátricas correspondentes ao seu crecemento” e mantiñan o domicilio familiar “en condicións deplorables de falta de hixiene, con acumulación de lixo nas habitacións da vivenda”. A Sala do Civil e Penal recalca que o relato de feitos probados da sentenza “non permite inferir ningún xénero de circunstancia atenuante da responsabilidade penal”, ao mesmo tempo que sinala que quedou acreditado “que o feito de que a vivenda presentase un aspecto propio da síndrome de Dióxenes non afecta a capacidade mental do acusado, que era consciente dos seus actos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com