A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou onte a condena de 21 anos e nove meses de cárcere que a Audiencia Provincial de Lugo impuxéralle ao home que en marzo de 2018 tentou asasinar a súa exparella e ao fillo da muller en Foz. Ademais, foi sentenciado á prohibición de residir ou acudir á localidade na que sucederon os feitos durante 27 anos.
O imputado, segundo consta na sentenza, “non aceptaba a separación” da súa compañeira sentimental e “con ánimo de acabar coa súa vida e a do seu fillo menor de idade”, accedeu ao domicilio no que residían, abriu as bombonas de gas butano e os catro fogóns da cociña, o quentador e a estufa de gas, “con coñecemento e con vontade, di a sentenza, de que lles produciría a morte cando chegasen á vivenda”. O tribunal destaca que o sospeitoso non conseguiu o seu propósito porque cando a súa exparella chegou percibiu o forte cheiro a gas.
O TSXG acolleu o recurso de apelación interposto pola Fiscalía, ao que se adheriu a acusación particular e, en consecuencia, ordena a aplicación da concorrencia da agravante de parentesco, ademais da de xénero, no delito de tentativa de asasinato respecto á súa exparella.