O TSXG confirma a condena de catro anos de cárcere a un empresario que ofertaba franquías por estafa

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a pena de catro anos de cárcere imposta pola Audiencia Provincial de Lugo ao dono dunha empresa que ofertaba franquías de alugueiro turístico de vehículos eléctricos e quads por estafa. O tribunal, ademais, impúxolle á compañía o pagamento dunha multa de 282.384,87 euros e, a ambos, o abono dunha indemnización á vítima de 94.128,29 euros. A denunciante, segundo consta na sentenza de primeira instancia, coñeceu a empresa a través de internet e acudiu, acompañada pola súa parella, a Valencia para asistir a unha feira e contactar co acusado, “quen lles mostrou -directamente ou pola súa orde- os vehículos cos cales desenvolvían a súa actividade, explicando as circunstancias e condicións do negocio, de forma tal que decidiron estipular dúas franquías, unha para a cidade de Santiago de Compostela e, outra, para a de Lugo”.

Para iso, segundo a resolución, a vítima debía adquirir, con carácter previo, os vehículos que ía explotar, que eran seis quads e sete patinetes eléctricos, que tiñan que ser subministrados pola empresa. “Nunca tiveron intención de cumprir a súa parte do negocio, ata o punto de que unicamente fixeron entrega dun vehículo quad, que, ademais, non era novo e estaba raiado, e de que os patinetes eléctricos tampouco eran novos e presentaban todos eles defectos que os facían de maneira inmediata inservibles para o seu uso”, sinala a resolución da Audiencia Provincial que confirmou a Sala do Civil e Penal do TSXG.

“É correcta a inferencia da sentenza apelada a partir da concatenación exacta de manifestacións, testemuños e elementos documentais que se poñen en relación como notas dun mesmo sistema e non toleran outra dedución que a suma do ánimo de lucro, a simulación polo autor dun propósito serio de contratar cando en realidade só quere aproveitar o cumprimento da prestación dos cartos da outra parte ocultando que el non vai cumprir coas súas obrigas”, salienta o alto tribunal, á vez que destaca que “non consta irracionalidade ou arbitrariedade e o centro da decisión conta cun importante segmento probatorio”. Contra a resolución cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com