A Sala do Civil e Penal do TSXG confirmou a sentenza ditada pola sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo na que condenou a cinco anos e nove meses de prisión a un home por cometer un delito de abuso sexual coa agravante de parentesco e outro de malos tratos familiares habituais sobre a súa parella, entre 2013 e 2021. Tamén o condenou ao pagamento dunha multa de 3.780 euros por cometer un delito continuado de abusos sexuais, así como ao abono dunha indemnización á vítima de 10.000 euros, en concepto de responsabilidade civil.
Na sentenza, a Sala considera probado que o acusado esixía á súa compañeira sentimental “manter relacións sexuais de maneira continua”, sen respectar a vontade contraria da muller, mesmo durante o período de corentena posparto. Os maxistrados tamén entenden acreditado que algúns tocamentos se produciron “fóra do domicilio, en presenza de amigos” e familia da parella. Ademais, indican, do mesmo xeito que consta na sentenza de primeira instancia, que o procesado ameazaba á vítima co suicidio ou con quitarlle ao fillo que tiñan en común. A Sala salienta que todo iso conformaba “unha insostenibilidade emocional permanente, xerando unha relación de desequilibrio e dominación, no que a personalidade da vítima foi anulada polas disposicións reiteradas do acusado”. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.