A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirma a pena de tres anos de prisión imposta pola sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo a un home por traficar con heroína. O tribunal avala, desta forma, a sentenza de primeira instancia, na que a Sala considerou probado que o 23 de agosto de 2021 o acusado se dirixiu a unha rúa na que o estaba esperando un comprador, a quen lle entregou heroína, recibindo como contraprestación un billete de 10 euros. Os maxistrados rexeitan que se vulnerase a presunción de inocencia do recorrente, pois resaltan que “a conclusión alcanzada pola Sala da proba testifical é perfectamente razoable e lóxica”, á vez que indican que se referenda “ponderando o resto das probas”.
“A conduta que se valora é un verdadeiro acto de tráfico, ao producirse un intercambio de cartos por droga, de modo e maneira que non son aplicables os argumentos atinentes ás presuncións de tráfico derivadas da posesión de determinada cantidade de droga”, explica o TSXG, á vez que engade que se constata, “de maneira directa, non presuntiva, o propio acto do tráfico”. Por iso, ratifica a condena do sospeitoso como autor dun delito contra a saúde pública na modalidade de substancias que causan grave dano á saúde. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.