O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de desestimar a solicitude de complemento de sentenza que presentou o Concello de Lugo sobre a concesión da explotación da fábrica da luz. Un feito que o Partido Popular cualificou como “o terceiro varapau xudicial ao goberno de Lara Méndez” e denuncian o custe de 7.600 euros mensuais dos intereses da indemnización que xa supera os 2,5 millóns de euros que o Concello de Lugo terá que pagar á empresa adxudicataria.
Para o vicevoceiro popular, Antonio Ameijide, o intento do Goberno local de gañar tempo, di, é un empeño dos socialistas para presentar o recurso de casación ante o Tribunal Supremo, un recurso que, segundo diversos xuristas, é improbable que se acepte a trámite. Os populares anuncian que preguntarán en comisión que pasos vai seguir o Concello para desbloquear este asunto e tamén insisten en que o goberno “non debe renunciar aos dereitos de explotación que perderon por unha xestión neglixente”.
O popular tamén quere saber se xa se iniciou o expediente para pedir que paguen os políticos implicados do goberno de Lara Méndez a indemnización de 2.5M€ ditaminada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.