A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou que un xornalista ten dereito a acceder á información do número de contaxios e falecementos por COVID-19 ou síntomas compatibles con esta doenza entre persoas usuarias de residencias privadas de maiores de Galicia, desagregado por centros, entre o 1 de marzo e 30 de abril de 2020. O alto tribunal galego avala, desta forma, a resolución da Consellería de Política Social da Xunta pola que se concedeu o acceso a eses datos, a cal foi recorrida polas residencias, as cales se opoñían a facilitar esa información.
Neste caso, segundo a Sala, debe primar o dereito ao acceso á información pública pola concorrencia dun imperioso interese xeral en coñecer, tamén no campo do sector das residencias privadas de maiores, a eficacia na xestión da pandemia da COVID-19, como medio de fornecer á cidadanía de elementos que podan conformar unha opinión pública libre, algo ineludible para a boa saúde democrática de calquera país.
A Sala destaca que eses datos foron recollidos pola Consellería de Política Social “en exercicio das súas funcións” e que, por tanto, teñen “a natureza de información pública que lle atribúe o artigo 13 da lei estatal e o 24.1 da lei galega”.
Os maxistrados rexeitan na sentenza que o acceso á información solicitada vulnere o dereito á protección de datos de carácter persoal das persoas usuarias das residencias, tal e como alegan as empresas recorrentes, pois salientan que “os datos solicitados están completamente disociados de ningún tipo de información, de maneira que non resulta posible dese só dato numérico identificar a persoa ningunha”.
En canto á lesión da honra, a intimidade e a propia imaxe das persoas contaxiadas e/ou falecidas alegada polas residencias privadas, o TSXG subliña que “non se pode vulnerar ningún destes dereitos se non se asocian nomes e doenzas ou falecementos”. No relativo á afectación da honra e a propia imaxe das empresas, a Sala considera que “non pode vulnerar a honra dunha mercantil a difusión pública de datos reais e estatísticos sobre a incidencia da pandemia en cada un dos centros”.
Ademais, os maxistrados explican que, en realidade, as demandantes reprochan “que os datos van ser emitidos descontextualizados ou non explicados, o que pode levar á cidadanía a formarse unha opinión equivocada sobre a forma de xestión da pandemia no centro”. A Sala destaca que eses mesmos datos xa foron ofrecidos en relación ás residencias públicas, “polo que a información estatística desagregada só completa o mapa territorial e situacional pretendido pola normativa en base á cal se produciu a recollida de datos”. Por iso, conclúen que non publicalos “deixaría ás entidades privadas nunha inxustificada situación de opacidade, que tamén podería dar lugar a especulacións sobre as razóns de non facelo”. A Sala conclúe na sentenza que o interese público “resulta prevalecente sobre a limitación por motivos privados de interese económico propostos polas empresas”.