O TSXG permite que máis membros da xudicatura traballen de forma presencial    

A evolución da crise sanitaria provocada pola COVID-19 provocou que a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deixe sen efecto o sistema de quendas presencial aprobado o 15 de marzo e que se permita a todos os xuíces e xuízas que así o desexen a posibilidade de traballar de forma presencial. Neste sentido, cabe destacar que non se trata de ningunha obriga e quen decida seguir teletraballando, como se fixo desde o inicio do confinamento, pode facelo, sempre que cumpra coas esixencias de presencia derivada dos servizos esenciais.

 A Sala de Goberno facultou aos membros da xudicatura para organizar o proceso de incorporación en réxime presencial dos xuíces/zas e maxistrados/as. Quen opte por traballar de forma presencial deben cumprir as indicacións e prevencións sanitarias que se recollen na guía de boas prácticas para a reactivación da actividade xudicial e adopción de medidas de saúde profesional para a prevención de contaxios en sedes xudiciais, aprobada polo Consello Xeral do Poder Xudicial o 29 de abril. Estas normas deberán observarse tamén en todos os actos procesuais. Ademais, as deliberacións nos órganos colexiados faranse, sempre que sexa posible, de modo telemático, e a firma das resolucións farase a través do portasinaturas.

A partir de hoxe, e mentres se manteña o estado de alarma, tramitaranse e resolveranse de forma preferente os seguintes asuntos: Os procedementos nos supostos de servizos esenciais. A impugnación dos ERTEs a que se refire o artigo 23 da Real Decreto-Lei 7/2020, do 17 de marzo, que se tramitará conforme á modalidade procesual de conflito colectivo. O procedemento especial e sumario en materia de familia regulado nos artigos 3-5 da Real Decreto Lei 16/2020, do 28 de abril (que se manterá con este carácter preferente ata tres meses despois da finalización do estado de alarma). Os incidentes concursais e demais actuacións previstas no artigo 14 da Real Decreto Lei 16/2020, do 28 de abril (que se manterá con este carácter preferente ata que transcorra un ano desde a declaración do estado de alarma).

 Durante este período temporal, segundo resolveu a Sala de Goberno do Tribunal Superior, tramitaranse e resolveranse os demais procedementos na medida que non o impida a suspensión dos prazos procesuais.​

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com