O TSXG prohibe a Alcoa calquera actuación dirixida a “parar as cubas”

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolleu en parte a solicitude de medidas cautelares presentada polos sindicatos Comisións Obreiras de Galicia, a CIG e UXT e ordena a Alcoa que se absteña de “levar a cabo calquera actuación dirixida a facer efectiva a parada das cubas” na factoría de San Cibrao.

Os maxistrados entenden que sería unha medida “desproporcionada” outorgar á Sociedade Española de Participacións Industriais a administración da planta de aluminio mentres dure o proceso de impugnación de despedimento colectivo e se dite sentenza firme. O tribunal manifesta que, en lugar da administración, a intervención sería, en todo caso, unha “medida alternativa eficaz e menos prexudicial” para a empresa.

Os xuíces indican no auto que esta intervención, que estaría orientada a controlar as actividades desenvolvidas na planta co obxectivo de manter as cubas en situación de reiniciar de inmediato tras unha eventual cualificación do despedimento colectivo como nulo, non concorda, con todo, coa posición procesual da Avogacía do Estado. Así, sinalan que, ademais de manifestar na vista que non asistía en representación da SEPI, o avogado do Ministerio de Industria asegurou que consideraba “desproporcionada a administración ou intervención xudicial da planta”.

A Sala analiza tamén no auto, que dá resposta á solicitude de medidas cautelares, a pretensión dos sindicatos de que por orde xudicial Alcoa se absteña de despedir aos traballadores afectados polo ERE. Os xuíces conclúen que isto non é posible, pois “trastornaría os límites e prazos” que debe cumprir a empresa con respecto ao expediente de regulación de emprego. Tampouco se acolle por parte do tribunal a pretensión de que se ordene á factoría que manteña a actividade na planta, por considerar que se trataría dunha “medida desproporcionada”.

Finalmente, sobre a solicitude de que se obrigue a Alcoa a manter as cubas en situación de retomar a produción de maneira inmediata, os maxistrados entenden que ese mantemento “devén imprescindible no caso hipotético da inmediata readmisión que se derivaría dunha declaración de nulidade do despedimento colectivo”, posto que o apagado das cubas electrolíticas, “aínda non sendo un proceso irreversible, se ofrece complexo, custoso e dilatado no tempo, carrexando, en suma, graves prexuízos aos traballadores”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com