A sala do Civil e Penal do Tibunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolleu, en parte, o recurso de apelación interposto polo pai condenado a tres anos de cárcere pola Audiencia Provincial de Lugo por apropiarse de parte da pensión de orfandade da súa filla.
O tribunal revogou a resolución e rebaixou a dous anos a pena de prisión. Ademais, reduciu a cuantificación da responsabilidade civil ao período transcorrido entre xullo de 2015 e agosto de 2016. Os maxistrados estimaron, tal e como alegou o acusado, que non se apreciou ningunha circunstancia obxectiva de agravación da responsabilidade. “Non pode basearse unha individualización da pena ata un límite extremo pola gravidade dunha conduta que non é tan evidente desde a perspectiva da subsistencia e adecuada atención á menor, así como das posibilidades de detectar a conduta delituosa”, indica o TSXG.
A sala do Civil e Penal destaca que tampouco pode sosterse esa individualización “no brutal exabrupto do acusado no xuízo do que se fai eco a fundamentación da sentenza recorrida, porque se iso contribúe a demostrar que non se exerceu a patria potestade coa mínima dignidade esixible, o remedio non está en incrementar desproporcionadamente a imposición da pena”.
O tribunal considera que a proba practicada foi “valorada suficiente e adecuadamente” na sentenza obxeto de recurso, na que se demostra que o apelante incorporou ao seu patrimonio parte das sumas que percibiu da pensión de orfandade da súa filla que estaba obrigado a entregar á avoa da nena, quen tiña atribuída a súa garda e custodia. Entre os anos 2011 e 2016, segundo a sentenza, o condenado percibía sobre 650 euros mensuais e só ingresaba 180.