A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rebaixou de once a sete anos e nove meses de cárcere a pena imposta pola Audiencia Provincial de Lugo a un condenado por agredir sexualmente, de forma continuada, á filla da súa parella desde 2013, cando a menor tiña doce anos, ata 2015.
O alto tribunal galego, do mesmo xeito que o órgano de primeira instancia, considerouno autor dun delito continuado de agresión sexual con prevalecemento sobre menor de dezaseis anos, concorrendo a atenuante de reparación do dano, pero, a diferenza da Audiencia Provincial, tamén apreciou a atenuante de confesión tardía. Desta forma, explica na resolución que “o exteriorizado con claridade polo recorrente ao compás do seu coñecemento da denuncia policial e a incoación do procedemento é relevante e eficaz para o esclarecemento dos feitos e a realización da xustiza”.