O TSXG rexeita paralizar de forma cautelar a actividade da balsa de lodos vermellos de Alcoa

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestima a solicitude cautelar, formulada pola Asociación Petón do Lobo, consistente na paralización da actividade da balsa de lodos vermellos de Alcoa (Xove) e do aumento do dique de cola en tanto non se regularice a súa situación e actualice o seu Plan de Emerxencia Exterior. Desta forma, os maxistrados rexeitan que a Xunta incorrese en inactividade.

A Sala conclúe no auto que hai “unha desconexión importante entre a petición cautelar e o que pode considerarse obxecto do recurso”, pois destaca que o proxecto de ampliación consiste nunha extensión da actividade da balsa de lodos vermellos que levará, en caso de ser autorizado, a unha ampliación do depósito ata a cota +104, “pero non impide que exista, xa, e antes de que se formulase o trámite de información pública pola recorrente e agora o seu recurso ante a Sala, unha autorización para a instalación non estendida, que permitiría alcanzar a cota +100”.

O alto tribunal galego conclúe que non concorre inactividade da Administración autonómica ao non demostrarse, “por unha banda, que se autorizou o aumento ata esa cota (+104), é dicir, que xa consta autorización ao proxecto de ampliación; e, por outra, que se permitiu o desenvolvemento desa actividade autorizada sen aplicar a administración autorizante os oportunos controis da mesma, no exercicio das súas obrigas”.

Ademais, a Sala destaca que “dificilmente se pode falar dunha verdadeira inactividade da Administración porque non se demostrou, sequera indiciariamente, unha verdadeira falta de control no desenvolvemento da actividade da balsa de lodos vermellos, a que xa está autorizada (a cota +100)”. O TSXG entende probado “que a paralización cautelar (que se pide xenericamente, en forma completa) da actividade asociada a esa balsa supoñería que deixase de funcionar, de ter actividade, todo o complexo, a pesar de, polo momento, constar a súa autorización”.

Fotografía: Google maps

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com