O último mohicano da tractorada

Quizais esta foto dun tractor só na Rolda da Muralla cando os seus compañeiros comezaran a  partir ás primeiras horas da tarde sexa unha estampa que define estes dez días de tractorada. Cando xa os  compañeiros, guiados polos seus donos, comezaban a desaloxala esta  foto do tractor solitario define seguramente o sentir deses gandeiros que durante esta semana e media agocharon a esperanza de poder conseguir un prezo xusto para o leite que cada día, chova, neve ou faga sol, entregan ás industrias lácteas. E queren agardar ata o derradeiro intre coa esperanza de conseguir algo positivo que levar para a casa, por iso se resisten a abandonar.

Dez días despois do inicio da manifestación gandeira que contou coa solidariedade de toda a veciñanza lucense, a  tractorada deixaba libre para a circulación as rúas lucenses e só pequenas illas dun ou varios tractores  lembraban os días vividos de reivindicación, de asembleas e lemas; de fraternidade.

Pero todo ten un alfa e un omega,  e todos sabían que máis tarde ou máis cedo habería que coller o camiño de volta. Teño por seguro que todos e cada un dos gandeiros que estes días compartiron cos lucenses conversas e complicidade gardarán unha lembranza, quizais indeleble, destas xornadas  ao tempo que senten mesmo un alo de frustración polo acadado. Pero deben saber que nada foi en  vano.  Esa demostración de forza e racionalidade, ese xeito de encontro e de empatía  marcará un antes e un despois nas vidas de cada unha das persoas que dun xeito ou doutro participaron por acción ou mesmo as sufriron estoicamente sen chistar. Ao contrario todo foron parabéns e complicidade, porque tamén saben, sabemos, que a provincia de Lugo sen o sector agrogandeiro non é nada. O agro é o derradeiro resorte para fixar poboación ao que podérmonos agarrar, se este desaparece,  a provincia de Lugo, tal e como a coñecemos desaparecerá con el. Por iso é tan importante seguir apoiando ao sector dende calquera eido, dende o noso traballo diario, nas nosas conversas, demandando leite galego, no super, ou no café, porque non nos podemos permitir perder a  maior industria que temos, o que fai que esta provincia aínda siga saíndo no mapa.  Xa que logo, como dicía antes, esta reivindicación non pode rematarse cando este último mohicano sexa arrancado polo seu dono para volver á casa. Se non pode ser pola vía da negociación terá que ser pola vía de axuda, como por exemplo, se ven facendo dende hai anos co sector do automóbil, ou é que non somos todos iguais?

Eloi Caldeiro.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com