O ultrafondista navarro Ricardo Abad partiu esta mañá dende Ribadeo rumbo a Compostela, para completar a xornada que lle queda dos catro ironman feitos no Camiño de Santiago desde o pasado sábado.
O seu obxectivo é recadar fondos para os afectados por discapacidade intelectual e enfermidades raras a través da fundación que leva o seu nome, en catro xornadas consecutivas nas que se alterna a natación, a bicicleta e a carreira a pé. Recibiuno esta mañá no porto de Ribadeo a concelleira de Medio Mariño, Paz Ermida.
O Concello de Ribadeo prestou a súa colaboración aportando o acompañamento de dous socorristas e unha lancha para acompañalo polo treito realizado a nado pola ría de Ribadeo.
O reto de Ricardo Abad é chegar en catro días –comezou o sábado en Fuenterrabía- a Compostela en 4 ironman. “Estou embarcado nun reto que é intentar completar 100 ironmannun ano. Un ironman é unha proba de triatlón que consiste en catro quilómetros nadando, 180 en bicicleta e un maratón correndo a pé 42 quilómetros 200 metros. Dentro deste reto, do bloque dos 100, intentamos facer cousas para romper un pouco a rutina, orixinais, diferentes. Fixen un bloque de 8 ironman en Lanzarote, estiven 8 días consecutivos sobre o mesmo percorrido, agora teño proxectado un bloque de 10 que arranco en Madrid o próximo día 2 de outubro e ata o día 12″.
Sobre o seu paso por Ribadeo dixo que “era un proxecto que me facía moita ilusións, facer o Camiño deSantiago pola costa en catro xornadas consecutivas, en catroironman. Aquí estamos, a ver se rematamos hoxe con esa última xornada que empezamos o pasado sábado alá nas praias deFuentarrabía. A primeira etapa foi entre Fuentarrabía e Laredo, a segunda entre Laredo e Colunga; a terceira foi Colunga-Ribadeo, e a ver se rematamos hoxe a última xornada que nos leva ata Santiago de Compostela”.