O Vello Cárcere celebra o seu primeiro aniversario con proxeccións e encontros

A titular de Cultura do Concello de Lugo presentou hoxe a programación que conmemorará zo primeiro aniversario deste espazo histórico reconvertido a centro sociocultural.

Este domingo, 13 de maio, ás 12:00 horas, proxectarase o vídeo Exposición dende o panóptico, cada cela unha fiestra, unha reportaxe feita pola Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, “un pequeno homenaxe aos e ás 13 artistas da triple exposición interdisciplinar que acolleu o Vello Cárcere”, e que reuniu, por primeira vez, unha serie de traballos de diferentes figuras da arte galega e peninsular, que dialogaron co espazo carcerario e coa súa memoria a través de obras escollidas ou elaborada de maneira específica para este lugar.

Posteriormente, ás 13:00 horas, proxectarase un conxunto de 4 vídeos, cos que baixo o nome de Vivencias, se volverá á memoria do Vello Cárcere con historias dos familiares de presos que estiveron neste centro. Nel participan José Luis Mundiña Pozas, Manuel Cuesta Vázquez, Rafael Pérez de Vega e Claudio Rodríguez Fer. A Fundación TIC tamén elaborou estes vídeos.

Os actos de aniversario continuarán o martes, 15 de maio, a partir das 20:30 horas cun encontro co escritor Lorenzo Silva e o neto do arquitecto que deseñou o Vello Cárcere, José Antonio Cobreros Aranguren. Intervirán sobre o libro de Silva, Recordarán tu nombre, que fai memoria ao ferrolá José Aranguren, fusilado por manterse fiel á República durante a Guerra Civil.

Na dinámica da distinta programación que acolle este centro cultural, o Concello ten programado para as vindeiras catro fin de semanas un ciclo de cine arqueolóxico, dentro da programación do Arde Lvcvs Cvltvral. Este ciclo arrincará este mesmo domingo, ás 19:00 horas, co filme A arte breve: o cirurxián de Ariminun. Do ano 2017, de produción italiana, e cunha duración de 35 minutos, esta película recorda como no ano 1989 se sacaron á luz as habitacións dunha domus romana, onde se atoparon 150 instrumentos cirúrxicos, o descubrimento de equipamento médico romano máis importante ata a data. Empregando isto, a película intenta redebuxar a figura dun
cirurxián da antigüidade e as distintas facetas do seu traballo.

O ciclo continúa o domingo 20, tamén ás 19:00 horas, co documental A Pompeia Británica da Idade do Bronce, do ano 2016 e cunha duración de 69 minutos. A terceira proxección será o sábado 26, ás 20:30 horas. Será unha curtometraxe de ficción que narra as vivencias dun poblado cántabro da época da Idade de Ferro, A visita de Plentio. Posteriormente exporase o videoclip El llanto del Lábaro, de Dianaimar Producciones, coa colaboración de Clan de Breogán e Cohors III Lucensium.

Pecha o ciclo, o día 3 de xuño, ás 19:00 horas A tumba de Gengis Kan, o segredo desvelado. Esta película francesa constrúe unha histoira a medio camiño entre o documental e a aventura.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com