O Vello Cárcere de Lugo abriu esta tarde as súas portas á cidadanía convertendo a historia en cultura e “recuperando un espazo pechado, de dor, nun espazo de lecer, e nun lugar aberto”, tal e como subliñou a rexedora luguesa, Lara Méndez. Deste xeito, o Concello continúa a sumar espazos para a convivencia e para a veciñanza.
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, foron as encargadas de inaugurar a rehabilitación deste edificio como centro cultural, nun acto no que tamén estiveron presentes membros da Corporación Municipal e o Presidente da Deputación, Darío Campos, entre outras autoridades, como os alcaldes ou representantes do partido xudicial.
Durante a súa intervención, Méndez valorou a importancia de conseguir fondos europeos “para transformar a vida dos veciños e veciñas conseguindo espazos e entornos máis amables en onde se desenvolva a parte fundamental do ser humano como animal social: o lecer”.
Nesta liña, a Alcaldesa insistiu na importancia do Plan Urban, “unha inxección de orgullo directa ao corazón dos veciños e veciñas de Lugo”, grazas ao cal se recuperaron para a cidadanía espazos como a Rúa San Marcos, a praza de O Cantiño, a praza de Porta Miñá ou a recentemente inaugurada Soto Freire; grazas ao cal se dotou a Lugo “dun espazo aberto con identidade propia para vender os produtos autóctonos”, a Praza de Abastos e o Mercado Municipal e grazas ao que Lugo ensina o seu pasado romano e castrexo a través de distintas ventás arqueolóxicas nas rúas.
A apertura á veciñanza deste edificio como centro cultural, supón tanto o broche de ouro a este plan, un programa de investimento de 13 millóns de euros que marcou un antes e un despois en Lugo, como a cristalización de oito anos de traballo, de distintos departamentos municipais e provinciais, así como da Corporación anterior, quen ideou este proxecto, co ex Alcalde Orozco á cabeza, e ás Concelleiras Ana Prieto e Carmen Basadre, encargadas de concluílo.
Grazas a esta inxección económica de fondos europeos, que continúa a día de hoxe, a cidade emprendeu unha revolución de cambio nos seus espazos emblemáticos da cidade que permitiron transformalos, mantendo sempre o seu valor histórico e cultural. A do Vello Cárcere foi a actuación de máis orzamento dentro deste plan, uns 5,5 millóns de euros.
Pola súa parte, Darío Campos tamén remarcou o cambio da cidade grazas ao Urban, “un ambicioso programa de intervención urbana que supuxo a transformación de Lugo nunha cidade aínda máis aberta e orgullosa do seu pasado histórico”. Ademais, definiu este plan como exemplo de boa xestión dos fondos europeos e dos logros que son capaces de acadar as administracións cando traballan na mesma dirección, como o fixeron neste caso o Concello e a Deputación.