O próximo domingo, o Orfeón Lucense vai lembrar ao seu fundador D. José Castiñeira Pardo polos 33 anos do seu pasamento e 40 da creación do Orfeón fusionando varias agrupacións que el dirixía.
A lembranza concretarase na misa das 13,00 h. na Catedral de Lugo, onde Castiñeira foi Prefecto de música, que será cantada polo Orfeón Lucense, dirixido polo seu titular, Marcos Fernández Mosquera, e oficiada por Luis Varela Castiñeira, coengo da Catedral e sobriño do P. Castiñeira, que estará acompañado por Xesús Mato, anterior director do Orfeón.
Despois da misa, diante da tumba de Castiñeira no claustro da Catedral, efectuarase unha ofrenda floral; Nuria Fernández Álvarez interpretará unha peza á viola, e o Orfeón cantará dúas cancións do seu fundador. Finalmente, os membros do Orfeón depositarán flores diante do busto de Castiñeira, erixido por este colectivo, na Praza do Seminario.