Miles de rúbricas xa avalan que Lugo sexa declarado o próximo municipio “libre de touradas” e contrario á realización desta actividade de malos tratos animais no seu termo local e no conxunto de Galicia, como expón a moción que a Asociación Animalista Libera e a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas trasladaron a grupos como Lugonovo.
Para animalistas e abolicionistas é necesario que cada vez máis localidades se manifésten contrarias a un espectáculo de crueldade cara aos animais que na comunidade autónoma non recibe interese por parte da cidadanía. Desde as pasadas Eleccións Locais varios municipios cortaron ” a billa” dos patrocinios e subvencións, como o caso da Coruña e Sarria, aos que se sumou Padrón aprobando unha iniciativa moi similar á que se quere levar adiante en Lugo.
Neste sentido dúas deputacións provinciais, A Coruña e Pontevedra, tamén sacaron adiante nos seus plenos provinciais o compromiso de non dedicar fondos públicos para comprar entradas, subvencionar corridas ou patrocinar publicidade de eventos tauromáquicos de calquera tipo, o que contribuirá a afogar economicamente a última feira taurina de Galicia, que se sitúa precisamente na cidade do Lérez. Con respecto ao caso lucense, os colectivos confían nun apoio maioritario á moción e sinalaron que só o PP mostrou a súa oposición ao texto mentres que goberno e oposición ven con bos ollos unha formulación que cuestiona o uso de diñeiro público para subsidiar os malos tratos dun ser vivo.
En caso de expor a moción no próximo pleno, Lugo converteríase, coa iniciativa aprobada, no 15º municipio galego en rexeitar as corridas de touros e pedir ao goberno autonómico que inicie os trámites para abolir estes espectáculos. Animalistas e abolicionistas lembran que só o 0,3% dos galegos manifestaron a súa asistencia a este tipo de eventos. Datos que se desprenden da última enquisa sobre hábitos e prácticas culturais que elabora o Ministerio de Cultura, pouco sospeitoso de ser unha institución “antitaurina”.