O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao Alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, a Tenente de Alcalde, Elba Carrera, e o director da Escola PTC, Antonio Solórzano, presentaron este mércores no circuíto deste municipio a sétima edición do Volante Deputación, que terá lugar os días 15 e 16 de setembro. Trátase dunha actividade promovida polo Executivo Provincial, cunha achega de preto de 17.000 euros, que pretende achegar e formar aos lucenses no mundo do motor.
Esta iniciativa, que a Deputación puxo en marcha no ano 2012 conxuntamente co Concello da Pastoriza e Escola PTC (Escola de Perfeccionamento e Técnicas de Condución), brindou xa a oportunidade a 6 lucenses de correr o seu primeiro rally e ao longo de 6 edicións reuniu a máis de 1.000 afeccionados do mundo do motor que recibiron formación en condución segura.
Rivera Capón destacou que “esta actividade, máis aló de ofertar un premio atractivo para calquera amante do motor, como é a posibilidade de debutar nun rally de forma gratuíta, permite a todos os participantes formarse para ser uns condutores máis hábiles e seguros”. Tamén quixo recordar “o compromiso da Deputación cun deporte con tanto arraigo e importancia na nosa provincia, o que leva a que sexamos a primeira administración que pon á disposición dos nosos pilotos axudas e formación”.
A inscrición no VII Volante Deputación abrirase este xoves 26 de xullo e como nos últimos anos será de balde e limitada a 185 persoas. Os requisitos para participar son: ter entre 18 e 35 anos, estar empadroado en calquera concello da provincia e non ter ningún resultado nunha proba de rally durante os últimos 5 anos.
As inscricións pódense facer a través da páxina web www.ptcescuela.com, no facebook www.facebook.com/ptc.escuela, ou envialo á dirección de correo electrónico
piloto@ptcescuela.com.