Antonio Ameijide Antonio Ameijide

O xefe da Policía local pide “ferramentas legais” para combater os gorrillas

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, revela que o xefe da Policía Local lle pediu ao Goberno municipal “ferramentas legais” para combater a práctica dos gorrillas.

Segundo os populares, un informe con data 14 de setembro de 2016, o máximo responsable deste corpo municipal indica que para elaborar un plan específico para combater o problema dos gorrillas necesítase algunha norma que prohiba a súa actividade, co fin de poder sancionalos, polo que se está estudando se sería mellor reformar a Ordenanza de Circulación, introducindo un artigo específico que prohíba a actividade de “aparcacoches” ou ben incluír esta prohibición nunha ordenanza cívica e de convivencia.

Este extracto aparece incluído no informe que elaborou a vicesecretaria en relación ao grao de cumprimento dos acordos plenarios, en referencia concretamente á proposición de maio deste ano do Grupo Municipal do Partido Popular no que se instaba aos socialistas a tomar medidas para atallar esta actividade. Aínda así, o resto do documento non se atopa no conxunto do expediente, polo que o vicevoceiro popular anunciou que pedirá acceso ao informe íntegro.

A este respecto, Ameijide subliña que “a demanda da Policía Local vennos a dar a razón na nosa reivindicación reiterada de que se dote aos corpos e forzas de seguridade da cidade de ferramentas legais” para evitar que “os lugueses nos vexamos constantemente coaccionados e ameazados” por unha práctica de extorsión “indiscriminada”.

Nesa liña, o vicevoceiro popular asegura que “na práctica, o máximo responsable da Policía Local está a cuestionar a decisión do PSOE e BNG de retirar do borrador inicial da ordenanza de circulación o artigo no que se prohibía esta actividade”. “Dixémolo nese momento e repetímolo hoxe: se Lugo non ten dende 2013 unha prohibición explícita como a que figuraba no documento inicial é polo capricho de socialistas e nacionalistas de retiralo, deixando desamparados aos lugueses”, subliña.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com