O xornalista galego Manuel Silva García publicou “De todo un poco”, libro que recolle quince Cartas ao Director/a, nas que se tratan cuestións moi variadas e diversas, así como outra quincena de recensións necrolóxicas de destacadas personalidades.
O libro -publicado en Santiago por ‘Tórculo’- leva na portada unha ilustración realizada de Rufus (Leopoldo Fernández Ortega), na que, segundo dixo Manuel Silva, “denuncia con nitidez e contundencia o sarcasmo cruel co que algúns actuaron durante a pandemia do coronavirus para facer sucios negocios -moi lucrativos para eles– coa compravenda das famosas máscaras”.
No interior do libro inclúense tres fermosas fotografías realizadas pola xornalista Pilar Zaragüeta. Silva precisou que na primeira parte do libro (Cartas ao Director/a) “coméntase e afea a utilización inadecuada dalgunhas palabras ou frases que non significan para nada o que os autores das mesmas, queren dicir, especialmente políticos e xornalistas”.
Tamén reflexiona sobre acontecementos políticos e sociais rexistrados neste primeiro cuarto do século XXI. Na segunda parte (In memoriam) -ilustrada cunha fermosa posta de sol reflectindo o ‘ocaso’- inclúense dezaseis apuntas necrolóxicas sobre outros tantos personaxes de distintas e variadas profesións que, segundo afirmou, “morreron antes de tempo”, pero que “tanto coa súa vida como coas súas obras deixáronnos un magnífico legado”.
Manuel Silva (Moldes-Melide, A Coruña, 1943) está licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid e diplomado en Estudos Eclesiásticos (Filosofía e Teoloxía) polo Seminario Maior de Lugo.
Despois de dedicarse cinco anos á docencia en Lugo (1968-1973) –no Seminario e no Instituto de Bacharelato Lucus Augusti-, en 1975 ingresou na Axencia EFE, da que foi delegado en distintos lugares.