“O PP avisou unha e outra vez ao goberno provincial de Lugo de que estaba facendo mal as cousas e que o modo de decidir a entrada no accionariado de Tragsa non era o correcto. O prepotente goberno presidido polo socialista José Tomé non quixo escoitar e agora o xulgado acaba de anular esa decisión e consecuentemente todas as derivadas dela”. Así informaba esta mañá a presidenta provincial do PP, Elena Candia, xunto co portavoz na Deputación, Javier Castiñeira, e o resto dos deputados populares os pormenores da citada resolución xudicial.
Javier Castiñeira explicou nunha rolda de prensa celebrada diante da antiga sede de Suplusa que o Xulgado do contencioso administrativo de Lugo vén de estimar o recurso presentado polos populares e, con el, anular “de pleno dereito” tanto o decreto co que o Goberno provincial decidía entrar a formar parte do accionariado de Tragsa, comprando unha acción da empresa, como o acordo da Xunta de Goberno polo que se decide encargar a Tragsa o mantemento das zonas verdes, que antes facía Suplusa. “Dá por tanto a razón en todo ao grupo provincial do PP”.
Ademais, advirten dende o PP, a Deputación terá que pagar as costas procesuais.
O voceiro popular na Deputación manifestou que o seu partido foi capaz de “demostrar a falta de espírito democrático e prepotencia, non só do presidente Tomé senón do bipartito provincial, que tomou decisións por enriba das súas competencias e vulnerou os dereitos dos deputados e da corporación provincial”. Segundo explica Castiñeira, o Goberno provincial incumpriría con eses acordos o artigo 33 da Lei de Bases de Réxime Local, dado que, cando unha decisión afecta á estrutura organizativa a competencia teríaa o Pleno.
“Agora, despois de dous anos, o dano está feito”, denuncia o PP. Os populares non entenden “por que o equipo de goberno non quixo atender as suxestións que fixo o PP, cal era a présa e os motivos desa contratación exprés de Tragsa, que despois conlevou numerosos encargos de servizos sen o procedemento de contratación legal e que agora quedan nulos de pleno dereito”.
Asemade, Castiñeira explica que, con base a esa decisión, contrataron servizos a Tragsa, por valor de máis de 6 millóns de euros, entre eles, o mantemento de zonas verdes, a limpeza de edificos provinciais, así como servizos noutros concellos como Monforte, Vilalba ou Pol. Unhas obras que non poderían ser encargadas, di agora o PP, porque o procedemento de entrada no accionariado “foi ilegal”.
“Queremos, sinala Castiñeira, que pida perdón aos traballadores da antiga Suplusa, que se ven afectados por esta decisión; tamén aos deputados do PP, que viron vulnerados os seus dereitos, e, especialmente, a todos os lucenses pola imaxe que dá o goberno da Deputación”. Asemade, o PP reclama “que se resolva o antes posible este problema, dado que quedan colgando moitos servizos pola nula xestión e a neglixencia do goberno da Deputación de Lugo”.
Os populares anuncian que estudarán todas as accións posibles, toda vez que advertiron “en tempo e forma destas circunstancias” (consta en acta que se indicou en pleno que se estaba actuando en fraude de lei) e “aínda así, e a sabendas, Tomé decidiu actuar”. Igualmente, poñen de manifesto que o goberno provincial fixo discriminación entre os traballadores “e considerou a uns de primeira e a outros de segunda”, de tal maneira que estes últimos tiveron que acudir aos tribunais para defender os seus dereitos.