O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Sarria decretou o sobresemento provisional da causa e arquivo das actuacións nas que se investigaron a concelleiros por un posible delito de prevaricación administrativa por rexeitar nun pleno a subida de soldo proposta para a directora do Centro Municipal de Atención á Muller.
A xuíza explica no auto que non resultou “debidamente acreditada” a comisión dos delitos inicialmente denunciados polo Ministerio Fiscal, quen tamén solicitou o sobresemento da causa tras analizar as probas documentais, as declaracións dos investigados e o contido da sentenza do Xulgado do Social número 3 de Lugo que condena ao Concello de Sarria a abonar á traballadora municipal as retribucións correspondentes a un funcionario interino da súa categoría.
“Non pode apreciarse, de conformidade coa proba practicada, no proceder dos investigados ningún comportamento doloso”, sinala a xuíza, quen destaca que a sentenza do Xulgado do Social non determina “a cantidade concreta do complemento específico, sendo necesaria a súa fixación polo Concello”, polo que entende “razoables” as discrepancias manifestadas polos investigados.