Desde a concellería de Infraestruturas Urbanas infórmase que durante os vindeiros días realizaranse os traballos de asfaltado no entorno do Auditorio Municipal Gustavo Freire. Segundo indicou Alexandre Penas, “trátase dunha actuación necesaria e moi demandada tanto polos colectivos culturais que fan uso das instalacións como das usuarias e usuarios do parque de Frigsa”.
A actuación inclúe o asfaltado con mestura en quente e o pintado da separación de carrís de circulación con prazas de estacionamento e prazas para persoas con mobilidade reducida. Alexandre Penas lembrou que “esta actuación servirá tamén para aumentar o espazo dedicado ao Mercado de Frigsa”.
Alexandre Penas informou tamén que dende a área de Mobilidade se están realizando nestes días actuacións nas rúas Río Sar, Avetarda e Couselo. Desde a concellería de Infraestruturas pídese á veciñanza que circule con precaución nas zonas afectadas e infórmase que segundo as necesidades da actuación se poderán establecer restricións ao tráfico.