A ocupación hoteleira acada máis dun millón de pernoctas en 2017

Os datos son claros, no ano 2017 rexistrouse un incremento da demanda turística hoteleira na provincia de Lugo grazas a que o volume de noites subiu nun 1,2% ata acadar un máximo histórico de preto de 1,1 millóns. Tal circunstancia, segundo recolle a Enquisa de Ocupación Hoteleira do Instituto Nacional de Estatística (INE), débese a un incremento do 3,7% na estadía media dos turistas aloxados.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, entende que é preciso “impulsar a tendencia positiva” que se observa por quinto ano consecutivo no segmento hoteleiro, e por elo avoga por informar aos empresarios do sector das axudas da Xunta ás que poden optar. “Temos o reto de incrementar o número de turistas, seguir mellorando a estadía media, e avanzar na desestacionalización”, afirmou o delegado.

Balseiro detallou os datos da demanda hoteleira, tanto na provincia como na capital. Así, o conxunto da provincia recibiu 667.449 turistas que se aloxaron en establecementos hoteleiros, unha cifra levemente inferior á rexistrada o ano anterior que se compensa co incremento da estancia media. Preto do 27% procedían de Galicia; o 42,8% do resto de España e o 30,2% do estranxeiro.

Polo que respecta ao concello de Lugo, rexistrou en total 151.592 turistas en establecementos hoteleiros, o 83,7% procedentes de Galicia e do resto de España e o 16,3% estranxeiros. Supón un lixeiro incremento no número de visitantes, pero obsérvase un notable aumento da estadía media (do 6,7%) e do número de pernoctas (7,5%).

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, e o presidente da APEHL, Cheché Real, participaron na reunión prevista para esta tarde, na que técnicos de diferentes departamentos da Xunta -entre eles Turismo de Galicia, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria- deron conta dos distintos programas xa convocados ou próximos a convocarse nas vindeiras datas.

No que respecta en concreto as axudas para establecementos de aloxamento, foron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 23 de xaneiro, e os hostaleiros teñen un prazo dun mes para presentar as solicitudes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com