Máis de 11.000 persoas pasaron en xullo pola oficina municipal de turismo e os museos da cidade. O centro de atención aos turistas da Praza do Campo atendeu a máis de 5.800 persoas, o que supón un aumento do 28% con respecto ao mes de xuño deste ano. Esta cifra supón un incremento de case 1.700 visitas máis con respecto a este mes de xuño, o que consolida a Lugo como destino turístico. O sábado 30 de xullo foi o día no que máis turistas se achegaron á Praza do Campo, un total de 293.
O 17% dos visitantes procedían do estranxeiro, 974 persoas. Os foráneos que máis visitaron a cidade no pasado mes de xullo foron os franceses, seguidos dos italianos. Tamén é salientable o incremento de turistas procedentes de EE.UU. nos últimos anos.
En canto ao turismo nacional, o número de visitantes volve a repuntar con respecto ao pasado ano. Os madrileños continúan estando á cabeza, incrementándose o número de turistas dende o pasado xullo; seguidos de leoneses, andaluces, catalanes e vascos.
A Oficina Municipal de Turismo rexistra a súa maior actividade os luns, martes e mércores, entre as 12:15 e as 13:30 horas, e de xoves a domingo, tamén ao mediodía. Nestas franxas achéganse á Praza do Campo o 30% dos visitantes.
Museos
Polo que respecta aos museos, recibiron preto de 5.300 persoas no mes de xullo, o que significa que estes espazos expositivos espertan cada verán máis interese. A Casa dos Mosaicos segue a ser a máis visitada, con 2.058 persoas no mes de xullo, un 62% máis que o pasado ano; seguida da Domus Mitreo e do Centro de Interpretación da Muralla e, con arredor dun milleiro de visitas cada instalación. Á Sala de Exposicións de Porta Miñá achegáronse unhas 398 persoas, 342 ao MIHL e 109 ao Centro Arqueolóxico de San Roque.