Un total de oito empresas presentaron as súas ofertas para optar á execución das obras de construción da senda peonil e ciclista que unirá A Pobra de San Xiao coa urbanización de Valdriz, no municipio de Láncara.
Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen lembrou que a actuación foi licitada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade o pasado 22 de maio cun orzamento de 729.000 euros e un prazo máximo de execución de oito meses.
Os traballos servirán para habilitar un itinerario continuo para peóns e ciclistas paralelo á estrada LU-621 pola marxe esquerda, nunha lonxitude de 460 metros, entre os puntos quilométricos 0,580 e 1,040. En 240 metros, a senda sepárase da calzada actual. Nos últimos metros atópase a ponte sobre o río Neira, que será ampliada mediante unha lousa de formigón.
Ademais, ampliarase a plataforma da estrada, que pasará dos 5,5 metros actuais a 7 metros; mellorarase o trazado da vía na entrada á ponte, coa ampliación do raio da curva, e reformarase a intersección que existe no acceso á urbanización de Valdriz, construíndo unha glorieta neste punto para facilitar os xiros en condicións de seguridade. As obras complementaranse coa construción das instalacións necesarias para garantir a drenaxe axeitada. O proxecto inclúe a iluminación en todo o treito.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado 24 de maio o decreto polo que se declaraba a utilidade pública e a urxente ocupación dos terreos necesarios para levar a cabo esta actuación. O Decreto de utilidade pública comprende a expropiación dos catro predios necesarios para a construción deste itinerario peonil seguro e accesible.