A candidata do BNG pola provincia de Lugo, Olalla Rodil achegouse esta mañá, no primeiro día de curso, a un centro escolar da cidade de Lugo para anunciar que no programa do BNG está recollido “a necesidade de establecer, de novo, a gratuidade dos libros de texto, como sucedera cando o BNG estivo no goberno da Xunta”. Rodil estivo acompañada do número dous da candidatura, Mario Outeiro, de ediles do BNG no concello de Lugo e do, ata agora, parlamentario por Lugo, Cosme Pombo.
Rodil fixo unha reivindicación sobre o desmantelamento dos serivizos públicos que está a realizar o PP e afirmou que “o que fai o PP coa educación é unha cuestión ideolóxica, eliminar os centros públicos para reforzar os privados” e sinalou que “dende a Xunta primouse aos centros concertados e privados, mesmo a aqueles que fan segregación por sexo”. Rodil acusou a Núñez Feijoo do peche dun elevado número de centros de educación en toda Galiza e concretamente na zona da montaña de Lugo.
O BNG aposta por devolver a gratuidade dos libros de texto e por recuperar as prazas de profesorado que se desmantelaron para garantir un ensino universal dende os 0 aos 18 anos e reforzar o papel das universidades. Olalla Rodil, tamén mantivo unha xuntanza con persoal da USC, no Campus de Lugo, para coñecer cal é a situación real na que se encontra a universidade pública e as condicións nas que teñen que traballar.