Olalla Rodil, cabeza do lista do BNG por Lugo ao Parlamento Galego, visitou a Mariña onde mantivo encontros con divesos colectivos para coñecer, de primeira man, as demandas e propostas existentes na comarca. A candidata do BNG reuniuse coa Xunta de persoal do Hospital da Costa, coa Plataforma pola Residencia da Terceira Idade de Ribadeo e con representantes de entidades deportivas da Mariña. “O que sucede coa sanidade pública na Mariña é paradigmático na política de desmantelamento, privatización e centralización provincial do sistema sanitario público galego polo que é fundamental apartar ao Partido Popular do goberno galego” sinalaron as candidatas do BNG.
Rodil afirmou que “é preciso rematar co estragulamento orzamentario da sanidade pública, favorecer a atención sanitaria de proximidade, e para recuperar a xestión sanitaria comarcal hai que apartar ao PP do goberno galego”. Para a canidata nacionalista “privatizar e destruír servizos foi a política do PP en sanidade e servizos sociais” e avanzou que “Galicia precisa dun tempo novo, cunha nova perspectiva democrática, para apartar a un partido inzado de corruptos das institucións”. Rodil afeoulle a Núñez Feijoo o feito de non participar nos debates dos medios de comunicación e afirmou que “un presidente que se agocha dos debates sen render contas da súa xestión, vulnera o dereito das galegas e galegos de coñecer datos da súa xestión”.
As candidatas número un e tres do BNG –NÓS candidatura galega pola circunscrición de Lugo reuníronse a última hora da mañá coa Xunta de Persoal do Hospital da Costa en Burela. Olalla Rodil afirmou que “a formación nacionalista revisará todo o modelo sanitario do PP paralizando as privatizacións, comarcalizando a xestión sanitaria, impulsando o sistema de atención primaria, e dotando orzamentariamente o sistema de mais recursos e persoal para atender as necesidades da poboación”. As candidatas do BNG – NÓS tamén se reuniron coa Plataforma pola Residencia da Terceira Idade de Ribadeo, onde se mostra un exemplo claro do caciquismo e sectarismo do PP coa negativa a apoiar a un concello posta en servizo dun servizo social necesario e xustificado polo simple feito de non contar cun goberno municipal da súa cor política.