O proceso de conformación das candidaturas, que levarán como nome Nós-Candidatura Galega, culminou onte coa celebración das primarias para a elección das persoas que formarán parte das listas nas catro circunscricións. Neste proceso de primarias tomaron parte preto de 6.000 persoas, das cales máis do 60% emitiron o seu voto nas máis de 144 mesas instaladas en diferentes vilas e cidades galegas.
En Lugo a candidatura nacionalista ao Congreso dos/as Deputados/as estará formada por: Olalla Rodil Fernández, Xosé Antón Ledo Pan, Mª Monserrat Porteiro Sánchez e Xosé Paleo Rodríguez. A candidatura ao Senado quedará composta por Rosa Ana Prieto, Orlando González e Luís López Melle.
Olalla Rodil Fernández, nada en Ribeira de Piquín en 1989, traballa de xornalista e é licenciada en Publicidade e Relacións Institucionais pola Universidade de Vigo, foi a número tres da lista do BNG ao Parlamento Europeo nas pasadas eleccións de 2014. Entre 2012 e 2014 foi secretaria e conselleira do grupo Sermos Galiza. Ademais tivo diversos cargos orgánicos dentro da formación Galiza Nova e do BNG.