Tras coñecer a nova sobre a dimisión da equipa directiva do IES Terra Chá de Castro, técnicos da oficina Parlamentar do BNG contactaron coa recentemente dimitida dirección do centro para coñecer os pormenores do acontecido e trasladar este asunto ao Parlamento Galego para que o goberno do PP dea as explicacións pertinentes. A razón desta dimisión foi a negativa do goberno do PP na Xunta a autorizar a implantación dun novo ciclo de forestais para o curso 2017-2018.
“Tras desta prohibición está un claro desprezo da Consellería de Educación e dos seus responsables políticos cara a iniciativa, o traballo e esforzo do equipo docente e directivo deste centro educativo de Castro Ribeiras de Lea” afirmou a parlamentar nacionalista, Olalla Rodil. Segundo os datos aportados dende a dirección sainte “non houbo dialogo entre responsables da Consellería e o Centro da Terra Chá e foi a golpe de BOP como truncaron as expectativas de futuro xeradas para o vindeiro curso” sinalou a Parlamentaria do BNG.
O BNG trasladará iniciativas ás diferentes institucións para apoiar a proxecto de que o IES da Terra Chá – Trapero Pardo de Castro Ribeiras de Lea acade un novo ciclo específico en formación forestal para vindeiros cursos. Para o BNG “queda clara, unha vez máis, a discriminación á que a Xunta ten sometida ás comarcas de Lugo e concretamente á Terra Chá”. Os nacionalistas tamén foron críticos coa postura do alcalde popular de Castro de Rei pola súa “tolerancia” con esta decisión que “merma as espectativas de mellora educativa no concello”