Coincidindo coa celebración do día do Orgullo LGBT, Olalla Rodil afirmou en Vilalba, onde celebrou un mitin o BNG, que “temos que lembrar a loita deste colectivo os 365 días do ano”. Segundo a candidata do Bloque, “a loita polos dereitos dos distintos colectivos faise máis importante nestes días, coa deriva de certos discursos de cara ao retroceso no recoñecemento da diversidade afectivo sexual”. Segundo Rodil, “un dos obxectivos do BNG no goberno da Xunta a partir do 12 de xullo será acadar unha sociedade sen discriminacións”.
A candidata do BNG tamén falou da xestión que levou a cabo os últimos 11 anos o Partido Popular nas vilas. “Vilalba é un exemplo moi claro de que o PP non gobernou pensando en asentar poboación nas vilas e nos núcleos do rural”. “O primeiro paso que temos que dar para asentar a poboación nas vilas e no rural é dispoñer de servizos básicos como o transporte”, afirmou.
“Vilalba é un punto céntrico da provincia, comunicado mediante autovías con Lugo, A Mariña e a Coruña, mais a única liña de bus que para aquí é a que comunica Lugo coa Coruña”, afirmou a candidata ao Parlamento Galego; que engadiu “O Partido Popular desde a Xunta de Galiza falaba da lexislatura do rural, mais despois deixou sen servizos e sen comunicacións comarcas como a Terra Chá”.
Rodil pediu o voto para o BNG o 12 de xullo “para que toda a poboación de Galiza teña acceso a servizos públicos básicos, como educación, sanidade ou atención aos maiores”.