Olga Capón Moreno foi nomeada presidenta da xestora do PP de Láncara. Diplomada en Relacións Laborais e cunha ampla experiencia profesional en recursos humanos e xestión administrativa, esta veciña da parroquia de Bande asume a presidencia da xestora da agrupación local do Partido Popular “moi ilusionada por facer cousas por Láncara” e co obxectivo de “sumar” dende “o respecto, a humildade e o traballo”.
A nova presidenta da xestora dará a coñecer nas vindeiras semanas ao resto do equipo que conformará a xunta xestora do partido ata a celebración do correspondente congreso local. A xestora será a encargada de nomear ao candidato ás vindeiras eleccións municipais co obxectivo de alcanzar a alcaldía.
Capón Moreno considera prioritaria “a creación de emprego para favorecer que a xente poda vivir e traballar en Láncara e aposta por resaltar o noso patrimonio, coidar o medio ambiente, potenciar o deporte e, por suposto, o benestar social vencellado ao coidado dos maiores, a atención aos máis pequenos e a oferta de actividades para os rapaces e rapazas e tamén para as mulleres nas mesmas condicións que os homes”. Ademais, “é fundamental garantir os servizos aos veciños e veciñas e facer que sexa atractivo vivir no noso concello para todos aqueles que xa nos sentimos orgullosos de Láncara”. Así mesmo, aposta por “unha boa xestión dos recursos materiais e humanos”.
A popular destaca o potencial do municipio “moi ben situado e con moitos recursos”, pero lamenta que “o actual goberno non atenda ás pistas para ofrecer comunicacións en bo estado aos veciños e veciñas de tódalas parroquias nin se preocupe polas traídas de auga”. Estes son dous servizos fundamentais para o importante sector gandeiro do municipio ao que, ademais, cre que “hai que revisarlle os impostos”.