A voceira de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, avanzou esta mañá que esixirá ao Goberno municipal que dea explicacións na vindeira Comisión en relación á presenza do Concello de Lugo en Fitur. Cidadáns quere saber cal foi o custo real para as arcas municipais e que resultado deron as xestións realizadas pola alcaldesa, Lara Méndez, e a concelleira Carmen Basadre, na Feira Internacional de Turismo celebrada a semana pasada en Madrid.
“Trátase en definitiva de saber se conseguiron máis turistas para Lugo ou simplemente foron facer turismo a Madrid”, argumentou Olga Louzao, que lembra que “a súa estancia na capital de España foi pagada con cartos de todos os lugueses e luguesas polo que é necesario coñecer os resultados acadados”.
Entre as preguntas que o grupo municipal de Ciudadanos presenta de cara á vindeira Comisión están cantas persoas, incluídas responsables políticos e persoal municipal, se desprazaron a Fitur e que custe supuxo para as arcas municipais, incluídos todos os gastos de desprazamento, estancia, dietas ou pago de servizos extraordinarios.