A Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) atendeu un total de 196 reclamacións no que vai de ano, resolvendo o 84,5% das reclamacións presentadas, grazas ao seu papel mediador entre o consumidor e a empresa.
Os meses que máis reclamacións se presentaron nesta oficina do Concello, que ofrece servizo de información, axuda e asesoramento aos consumidores e usuarios para o axeitado exercicio dos seus dereitos en materia de consumidor, foron abril, xaneiro e xullo, con 31, 29 e 28, respectivamente. O mes que menos queixas se tramitaron foi marzo, con 20.
Preto do 58% do total das reclamacións son cuestións relacionadas co servizo de telefonía e electricidade, un 5% máis que no 2015. No caso das compañías telefónicas aténdense principalmente facturacións incorrectas, problemas de cobertura, garantías de terminais ou internet. No que se refire ás compañías eléctricas, trátase de facturacións ou lecturas incorrectas, cortes de subministro, incumprimento de prazos ou cambios de compañía fraudulentos.
O resto dos sectores sobres os que se reciben queixas son a banca, automóbil novo e usado, compañías aéreas, seguros médicos ou de accidentes, academias de ensino, electrodomésticos, gasolineiras, xoierías, perruquerías, transporte de viaxeiros, correos, tintorerías ou ximnasios. O sector téxtil e de calzado ten escasas reclamacións, debido á información da que dispón o consumidor e ás boas prácticas de venta do sector.