San Facundo de Ribas de Miño está na fin dun dos nosos infinitos mundos, asomado ao Miño contido en Belesar en maxestuoso embalse que baña as costas fluviais de Paradela.
O que chega a San Facundo atopa un edificio que foi cenobio desde hai novecentos anos, cunha igrexa románica que logo foi a primeira gótica das terras lucenses, quedando os restos románicos por fóra, como envolvendo á vella nova igrexa.
E medio rodeando a igrexa, o cemiterio, orixinalísimo en trazado, e aínda máis orixinal se temos en conta que as quince tumbas “habitadas” deste cemiterio teñen as lápidas en galego. É un caso único en Galicia que hoxe, xoves, 31 de maio, orixina unha festa promovida pola Asociación de Funcionarios a prol da Lingua Galega, o Concello de Paradela e a Xunta de Galicia.
Lembra o crego e musicólogo Xesús Mato, que ven de cumprir 87 anos, que cando preparaba a entrada no Seminario, hai algo máis de 75 anos, estudiou un verán sentado no tellado da igrexa do mosteiro. Porque o paso dos séculos, o abandono do mosteiro, orixinou que a terra do contorno subise ata cubrir a igrexa, sendo xa no remate do século XX restaurada xunto co mosteiro, para lucir en todo o seu esplendor.
Cando o mosteiro se restaurou, os arquitectos lucenses Alberte González e Jorge Salvador, coordinaron o traslado das sepulturas desde o chan diante da igrexa ao novo cemiterio, rotulando as lápidas en galego. E os enterramentos de despois, seguiron sendo en galego, producindo o exemplo único en Galicia de que os mortos “falan” o mesmo idioma que falaron en vida.
O de San Facundo é lugar solitario, ao que se accede por estrada desde Paradela e desde a estrada que ven de Portomarín, con risco de perderse… porque hay un acceso directo que comezou a facerse pero por problemas técnicos parouse hai anos a 400 metros do mosteiro.
Media ducia de veciños nun amplo arredor, e un mundo de viñas de mencía que son riqueza e orgullo de Paradela, custodian en silencio o vello mosteiro e o seu cemiterio galego.
Este un de novembro, unha ceremonia emocionada rachará o silencio. Só un anaco, porque minutos despois, os mortos poderán seguir durmindo en paz… eso si, en galego, como Deus manda.