O Concello de Lugo acolleu hoxe unha nova xuntanza da Comisión do Garañón, onde o equipo de goberno de Lara Méndez, amosou ao resto de grupos da corporación, os avances que, segundo a oposición foron escasos. Á saída da reunión, os voceiros de todas as agrupacións municipais criticaron a “falta de vontade política” da alcaldesa e do seu equipo para derrubar as Torres do Garañón. Estas declaracións, viñan suscitadas polo interese dos socialistas en derivar competencias á Xunta para a toma de decisións.
O voceiro do BNG-AA, Rubén Arroxo dixo constatar hoxe que o Garañón non se tirará neste mandato; o nacionalista afirmou que na Comisión se veu a demostrar a falta de vontade tras comprobar como aínda “o goberno local vai licitar agora un novo plantexamento que podería estar realizado hai máis dun ano”.
Tamén nesta liña falaba o popular Antonio Ameijide quen cualificou á rexedora lucense como a “títere” dos seus “padriños políticos”. Para o popular, a actitude da alcaldesa, “á defensiva e xustificándose”, na xuntanza revela a “incapacidade” da alcaldesa de xestionar o derrubamento da “desfeita” do Garañón.
Un punto de vista, algo diferente deuno a voceira de Lugonovo, Cristina Pérez, quen asegurou que o goberno local si que ten vontade: a de “dilatar o proceso”. “Non se entende que deixaran transcorrer dous anos para entregar dous informes municipais que só din que debe ser outro organismo quen decida como repoñer a legalidade”, denunciaba Cristina Pérez facendo referencia á decisión do Goberno municipal de contar coa Secretaría Xeral do Patrimonio Cultural, da Xunta, para tomar a decisión sobre qué debe e non debe derrubarse na urbanización do Garañón e para a busca de “determinacións obxectivas” para tiralas.
Os de Lugonovo urxían esta mañá ao equipo de goberno a que executara estas sentenzas con máis celeridade. Esto mesmo, a celeridade, pedíaa a voceira de Cidadáns, Olga Louzao, quen reprochou duramente as decisións tomadas polo goberno socialista que, dixo, “non ten en conta a opinión da oposición á hora de derivar competencias á Xunta”.
Pola súa banda, Carlos Portomeñe, voceiro de Ace-Eu, criticou a “demora premeditada” á hora de executar a senteza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que obriga a tirar as Torres. Portomeñe preguntou esta mañá na Comisión se existía o expediente de reposición da legalidade, unha pregunta que non lle debeu gustar moito á alcaldesa porque, non tiña moi crara a resposta. Lara Méndez asegurou que si existía ese expediente pero non sabía “nese momento” o número de rexistro, algo que para o voceiro de Ace-Eu, so é “unha mentira máis da alcaldesa que unida a outras moitas xera inseguridade xurídica manifesta” no tema do Garañón.
Portomeñe ademáis puxo en evidencia a “nula intención” do goberno local de executar estas sentenzas e advertiu do perigo que lle pode supoñer a Lara Méndez esta demora, puidendo chegar a incurrir nun delito de desobediencia, que incluso podería acabar nunha decisión do Tribunal que levara a inhabilitar a alcaldesa do seu cargo.