A oposición divídese ante a declaración de confidencialidade de alcaldía

O Partido Popular facíase eco onte do documento que lle chegara a través do enderezo electrónico a todos os edís do Concello de Lugo. Dende alcaldía, pedíase que se asinase un documento no cal se estipulaba un compromiso, por parte do edil asinante, de non divulgar “a información que reciba ao longo da miña relación co Concello de Lugo”. A pesares de que o documento, facía referencia únicamente ao acceso ao libro de decretos, o certo é que non se especificaba no corpo da declaración de confidencialidade abríndoa así a toda a información e algúns grupos municipais non o tomaron moi ben.

O PP foi o primeiro en dar a voz de alarma, criticando o mal goberno de Lara Méndez. Antonio Ameijide considerou que o que pretendía alcaldía con esta sinatura é “tapar a boca da oposición e da prensa”. O voceiro popular asegurou que nin el nin os seus concelleiros estaban dispostos a renunciar a súa labor como oposición e cuestionouse se os edís socialistas asinarían tamén ese documento pois, de ser así e segundo a súa visión, non poderían dar ningún tipo de información aos medios sobre iniciativas, resolución ou mesmo da propia folla de ruta do goberno.

Pero a verdade, é que o PP non foi o único partido da oposición que se negou a asinar este documento. O voceiro do grupo mixto, ACE-EU, Carlos Portomeñe quen quedou “perplexo” cando leu o papel. Un documento que, segundo afirmou “é máis propio dunha empresa privada ou dunha secta, é o compromiso de non facer nada”, de forma gráfica, o voceiro de ACE-EU, asegurou que, tras este documento “os grupos da oposición temos que coller aos xornalistas e nos imos todos e pechamos o garito; é un descoñecemento total de como funciona a administración pública”.

Carlos Portomeñe asegurou que este feito se da só en Lugo e dunha maneira moi peculiar, tras perder a alcaldesa a confianza do pleno. O documento ademáis fai saber que se algún concelleiro incumpre ese acordo de confidencialidade poderá recibir “sancións disciplinarias”, algo que, segundo Portomeñe, “esto o presenta o sector rancio do PP ou de Cidadáns, e móntase a marimorena en todo o Estado e aquí pode vir a señora alcaldesa e monta un papeliño máis propio de entre o 1939 e o 1975 que de aí en diante”.

“Lara Méndez non pode seguir de alcaldesa, eu lanzaría unha chamada ao PSOE a que faga unha remodelación do goberno, empezando pola alcaldesa”, concluíu o voceiro de ACE-EU.

Tamén por esta liña, pero máis moderada falaba a voceira de Lugonovo, Cristina Pérez, quen asegurou que o seu partido xa está a buscar asesoramento legal sobre dito documento. “As responsabilidades dos concelleiros temos que saber cales son e sabemos onde están os nosos límites, pero a simple vista parece que nos queren cortar as ás e a nosa obriga tamén é transmitir á cidadanía toda a información que pensemos que é relevante”, asegurou a voceira de Lugonovo.

Tamén de responsabilidade falou Rubén Arroxo, quen non foi tan crítico con esta acción de alcaldía pero non lle atopa moito sentido: “nos sorprende que se nos faga asinar esta declaración de responsabilidade porque cando entramos a formar parte da corporación, xa sabíamos cales eran as nosas responsabilidades”.

Do bando contrario a estas visións, se atopaba a voceira de Cidadáns, Olga Louzao, quen non acababa de entender o rebumbio creado polos seus compañeiros de corporación. Para Louzao, este documento non foi sorpresa pois, hai semanas, todos os grupos recibiron un decreto no que se facía referencia a esta declaración.

“Entendemos que nós xa fumos responsables, a información que temos pode afectar a terceiras persoas. Asinar este documento non é máis que ratificar o que xa viñamos facendo ata o de agora”, asegurou a voceira de Cidadáns, quen culpou, en certa medida, á redacción do documento, da polémica en torno ao mesmo “quizáis debería ser un pouco máis específico e ao mellor, tamén é certo, que debería ir adxunto ao decreto que se asinou hai uns días, non entendemos porque non foi así pero cando vimos este documento non nos estranou”, concluiu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com