Quédanos só o día de hoxe de campaña electoral para conquistar ao votante, xa que o sábado corresponde ao respiro da xornada de reflexión, oportunidade para que os indecisos cavilemos en quen confiar o seu ben máis preciado.
Das primeiras eleccións da democracia, lembramos a invasión das paredes coas imaxes dos candidatos, folletos de man, anuncios en prensa e radio, coches con altavoces polas rúas…
A natural evolución social foi modificando estes xeitos de achegarse ao votante, reducindose carteis e folletos, tamén a megafonía de rúa, potenciando a súa presencia nos medios informativos, e facendo que os candidatos se relacionen coa cidadanía, cara a cara, con mítines, reunións sectoriais ou por barrios, dialogando pola rúa, de xeito que se aprecie o seu talante a curta distancia, como proba do comportamento futuro se o candidato triunfa nas eleccións, ou nos pactos posteriores.
Neses contactos directos, o votante pode darlle a man ao candidato ou candidata, falar con el, contarlle os seus problemas, obter promesas de futuro, e comprobar o seu carácter afable e a capacidade que ten para afrontar unha tarefa de goberno.
E ás veces, poucas, aparecen accións orixinais que rompen coa monotonía electoral e evidencian desexo de chamar a atención, e capacidade imaxinativa para conseguilo. Nesta dimensión hai que incluir a iniciativa de Ciudadanos que montou un despacho diante da casa do concello de Lugo para que a candidata Olga Louzao puidese dicir que ía ser unha alcaldesa ao pé de rúa.
Nas fotos, vese unha mesa de despacho con lámpada, planta e alfombra incluídas, ao lado as bandeiras española, galega e europea, e á candidata atendendo a lucenses aos que supoño sorprendidos pola orixinalidade.
A acción durou ata a unha da tarde, cando a policía municipal ordenou levantar o despacho, por non ter licencia do Concello. Non se fala da Xunta electoral, que é a que ten que entender da procedencia das accións da campaña, senón que é a norma municipal a que o Concello aplica.
Seguro que a letra da norma foi ben aplicada, pero o espíritu habería que cavilalo. E seguro é que en Ciudadanos poden estar satisfeitos pola repercusión da instalación deste despacho de alcaldía a pé de rúa.