A xuíz titular do Xulgado de Instrución número 1, Pilar de Lara, chamou a declarar como imputados ao exalcalde de Lugo, José López Orozco e ao exconcelleiro de urbanismo, José Ramón Gómez Besteiro, polo coñecido como caso Garañón, unha urbanización que está a medio construír nas Costas do Parque.
O día 30 de xullo deberán prestar declaración os dous diante da xuíz e previamente farano varios funcionarios do Concello de Lugo.
A urbanización do Garañón fora denunciada diante do xulgado por uns veciños que se viron afectados pola construción dos edificios da urbanización. A Asociación pola Defensa do Parque Rosalía iniciara no seu momento, accións legais contra a autorización da licenza de dita urbanización, porque consideraba que a mesma ocupaba parte duns terreos adquiridos polo concello en 1927.